Visita Museo

INFORMACIÓN XERAL

O MUSEO MANOlO PAZ ARTE CONTEMPORÁNEA centra o seu discurso temático na Arte Contemporánea e na obra do escultor galego Manolo Paz, tendo como fío condutor a figura e obra do artista. A súa obra é unha das máis transcendentes e representativas no desenvolvemento da arte contemporánea galega. A riqueza artística que alberga a obra de Manolo Paz constitúe un rico legado do Patrimonio Histórico de Galicia.

O Museo está situado na desembocadura do Umia, nun espazo natural de gran beleza paisaxística, un lugar onde o visitante descubrirá obras nas que se perciben a forza, a nudez da materia e a esencia da paisaxe.

"...Cómo facer falar ás pedras. O sono ancestral de dar vida ao inanimado, de establecer un diálogo co inerte, a cuxo seo ha de retornar inevitablemente o ser humano ao termo da súa vida, constitúe unha das fantasías máis persistentes da imaxinación colectiva. Na obra do escultor galego Manolo Paz ese sono alcanza unha formulación case musical no seu xogo coa escala, o volume e a repetición das formas. Trátase de abrir as pedras, de abrilas para que poidan ver, porque se non, estarían ás escuras. E efectivamente, cando un as contempla no seu prado de Quintáns, aliñadas fronte ao mar, alcanza a comprender como o sentido último deses menhires, como o de todas as demais pedras celosa e intimamente configuradas, só se percibe a través da súa Integración coa paisaxe. Co verde ancestral que nutre a terra galega, co mar que pon un límite preciso ao horizonte debuxado na ventá do menhir... "

José Jiménez

"...Os materiais xerados pola terra, como o ancestral granito que o relacionan coa cultura castrexa e o megalitismo, retornan como pródigos descendentes educados polas mans artísticas ao seu lugar orixinal, o que lle leva en moitos casos a eliminar o pedestal para recuperar o contacto co chan, volvendo á posición natural da rocha. O seu mundo é un poético xogo de oposicións e contrastes, a nada e despois o todo, a luz e tras ela a sombra, o primitivismo e vestíndoo a factura, o finito que matiza o infinito, un ecléctico universo de estudos materiais que o achegan a figuras como Röckrein, Werthmann, Falkensteln ou Noguchi, conceptualizado paulatinamente o seu traballo no terreo do compositivo... "

"...Manolo Paz é un artista imprescindible, capaz de con moi pouco conformar unhas obras que poden falar por si mesmas ata o punto de converterse en iconas dunha cidade -penso na súa Familia de Menhires na Coruña-, algo que moi poucos artistas -máis doados de defender e seguramente con maior fortuna crítica en determinados momentos- conseguirían. O de Manolo Paz é arte en sentido puro. Sen colorantes. E iso, nun mundo esmagado por unha saturación iconoclasta de imaxes e publicidades de neon, merece ser valorado por riba de todo... "

David Barro

Orarios

De martes a domingos de 11.00 a 14.30 horas y de 17.00 a 20.00 horas, previa visita concertada.

PREZOS


Entrada xeral 5€
Entrada pensionistas, estudantes e oferta educativa 2€
Entrada grupos concertados 3€

 

Os prezos increméntanse con 1.50 € por persoa se a visita de grupo, a partir dun mínimo de 25 persoas, é asistida por un dos nosos guías.

CÓMO CHEGAR

O Museo Manolo Paz Arte Contemporánea está situado en Cambados, Parroquia de Castrelo.

 

Latitude 42º 29' 24.65" N
Lonxitude 8º 48' 41.83" W

 

Link recomendado: http://www.viamichelin.es

Sponsors FEADER